A Asociación de Veciños de Rubiáns cumpre coa petición doconcello de presentar por escrito as súas demandas.
Hai unha semana, o edil de xestión de territorio de Vilagarcía Marcelino Abuín, abandonaba a sala de xuntas do concello despois de que ninguén da directiva da Asociación de Veciños de Rubiáns asistira á reunión convocada. Desde o colectivo xa escusaron a ausencia alegando que o seu presidente non podía acudir por motivos de traballo, e que así llo fixeran saber de antemán ó concelleiro. En rolda de prensa posterior, Marcelino Abuín insistiu en que no concello non tiñan constancia das queixas da asociación en relación ás obras da praza do Souto. E pedíu que remitiran esta disconformidade por escrito.
Esta mañá reforzaban esa petición coa presentación de cincocentas sinaturas coas que demandan ó concello que se reconduzan as obras adaptándose ó proxecto acordado polos veciños en asemblea, e entregado no concello en marzo do 2009. Desde a asociación consideran que aínda están a tempo de variar a actuación.
O certo é que non dispoñen de moita marxe de manobra, pois na primeira quincena de novembro debe estar rematada a primeira fase das obras. Do contrario, o concello perderá a subvención ofertada pola Deputación de Pontevedra e a administración central.
Redacción Salnés
(Fonte: Canal Rias Baixas)
0 comentarios (¡PULSA AQUÍ!):
Publicar un comentario