A asociación de veciños de Rubiáns e o Concello de Vilagarcía parecen que van achegando posturas sobre o proxecto do Campo do Souto. Na reunión que tiveron onte á tarde, acordouse manter a zona arborada planificada para conservar a identidade do lugar. Con isto, a alameda existente ampliarase cara a fachada principal do centro sociocultural coa plantación de carballos e castiñeiros. O Concello aceptou a proposta veciñal de prolongar o camiño de Fofán, o que permitirá gañar espazo para a explanada da festa, inda que non tato como pretendía a asociación. En canto ó material utilizado, os técnicos valoraron dúas posibilidades. A primeira é utilizar formigón no medio e pedra nos exteriores, mentres que a segunda sería só pedra. Esta última é a preferida polos veciños pero, segundo se lles indicou onte, obrigaría a executar unha segunda fase, xa que se iría dos 150 mil euros que hai de presuposto. Sen embargo, o Concello sinalou que se podería facer ó remate das obras previstas no proxecto, incluíndo unha partida nos orzamentos municipais de 2010 ou a través das distintas liñas de axuda existentes. O goberno municipal tamén lles aclarou que non se incluíu neste proxecto o parque infantil, posto que xa está previsto no plan municipal de mellora e creación de novos parques infantís. Concello e veciños terán novos encontros. Redacción Salnés (Fonte: Canal Rias Baixas) |
0 comentarios (¡PULSA AQUÍ!):
Publicar un comentario