xoves, marzo 26, 2009

Os alumnos dos centros da contorna rural de Vilagarcía beneficiaranse dun programa conxunto de actividades no que participan tres concellarías. Educación, Cultura e Deportes proxectaron unha oferta conxunta para que os escolares dos centros educativos de Carril, Vilaxoán e Rubiáns -onde xa se instalou o servizo de comedor- conten cunha oferta diversificada en diferentes materias en horario vespertino

A concelleira de Educación, Susana Camiño, foi a primeira en avanzar os contidos da súa área de responsabilidade e explicou que «os nenos do centro de Vilagarcía teñen maior acceso a moitas outras actividades, mentres que os do arrabalde teñen problemas á hora de transportarse á cidade para poder participar en elas». Instalarase nos colexios do centro urbano un punto de actuacións para completar a oferta. A subvención global será de 135.000 euros, sendo a parte correspondente a temas educativos de 24.000 euros.
Servizos educativos
As empresas concesionarias destes servizos formativos serán Fexam e Aula 7. A primeira delas centrarase no estudo e tratamento do absentismo escolar, o retorno educativo e as vías de colocación laboral dos alumnos. A segunda, centrarase no acompañamento e o reforzo formativo dos escolares.
Para lograr os obxectivos de Fexam, o camiño escollido polos seus profesionais será o de establecer un seguimento dos casos reais que se estean dando no concello, redactarase un protocolo e porase en contacto directo aos pais, as AMPAs e os centros para mellorar o control de cada estudante. A experiencia di que a primeira causa de absentismo e abandono escolar é o contacto co mundo das drogas a idades temperás.
En canto aos talleres específicos de formación centraranse en catro grandes áreas: lectura, escritura, cálculo matemático e técnicas de estudo, que son precisamente os campos nos que máis dificultades atopan os alumnos.
Os directores dos centros serán os encargados de escoller aos nenos que se beneficiarán destas clases de reforzo e a intención dos organizadores é que non se equiparen estas clases «a un castigo».
(Fonte: R.P., La Voz De Galicia)

0 comentarios (¡PULSA AQUÍ!):

Participa

INSCRIPCIÓN
*Ficha: engadir enderezo, teléfono, M² de exposición (ata 5m²) e número de asistentes ao xantar.