venres, novembro 28, 2008

-O PP defendeu a súa abstención pola existencia de informes favorables para aprobalo-

O pleno municipal de Vilagarcía aprobou onte por maioría (con 13 votos a favor e 8 abstencións) a proposta da alcaldía de denegar o estudo de detalle correspondente ao proxecto de Ande-Rubiáns. Con este acordo plenario PSOE, BNG e EU lograron frear a instauración dun gran centro comercial na zona, desatendendo os informes favorables que existen nesta liña, feito que centrou a exposición dos populares.

O socialista Marcelino Abuín argumentou a postura do Concello neste asunto explicando que «esta derrogación é unha vontade política do grupo de goberno», atopando «motivos suficientes» para defender esta decisión na «inexistencia de viarias, abastecemento de auga e saneamento nesta zona».

Tras varias acusacións cruzadas entre as agrupacións, o punto máis rocambolesco da tarde plenaria chegou da man de Tomás Fole. O representante popular chegou a suxerir, en formato de reto, que a mellor saída para o equipo de goberno neste asunto podería ser que «aproben ou estudo de detalle e deneguen a posterior licenza de obra», feito que foi socarronamente celebrado por Abuín.

No transfondo do debate houbo principalmente dúas cuestións. Os populares denunciaron a suposta «procura desesperada de motivos que adapten a realidade á legalidade», mentres que os propios representantes do PP foron acusados de «non situarse claramente neste asunto», de «estar de parte dos promotores» e de ser eles os primeiros que denegan un estudo con informes favorables.

Outros acordos

A pesar da negativa de EU, aprobouse o acordo regulador do prezo público polo Servizo de Axuda non Fogar e a modificación do seu regulamento. Do mesmo xeito, e por unanimidade, acordouse aprobar o gasto plurianual do acondicionamento do edificio para drogodependentes e para os servizos de saúde mental vilagarcián, así como a proposta inicial da concesión da medalla de ouro da cidade a Antón Paz. Outro dos asuntos discutidos foi o tema do irmandamento coa localidade gala de Granville, que ao final tamén foi aprobado.

(Fuente: R.P., La Voz De Galicia)

0 comentarios (¡PULSA AQUÍ!):

Participa

INSCRIPCIÓN
*Ficha: engadir enderezo, teléfono, M² de exposición (ata 5m²) e número de asistentes ao xantar.