Únicamente os veciños dos centros urbanos dispoñen dunha velocidade de acceso superior ao medio mega-
Fai xa algún tempo que as distintas operadoras de Internet enchen os espazos publicitarios con ofertas de Internet a vinte megas. Pero na comarca arousá ningunha destas promocións podería levar á práctica. Aínda que os vinte megas son unha utopía en gran parte do territorio nacional, a cobertura telefónica no Salnés deixa bastante que desexar. Deixando ao carón á capital arousá, nos centros urbanos da maioría dos municipios esta velocidade non supera os tres megas. A situación empeora a medida que nos afastamos do centro e moitos son os veciños que teñen que conformarse co ADSL rural, que apenas supera o medio mega.
A velocidade á que os computadores acceden a Internet é sinónimo da calidade que teñen os usuarios á hora de consultar a web. Actualmente mídese en megabytes aínda que na comarca ben podería utilizarse outra unidade menor. Na maioría de territorio, os veciños só teñen acceso ao coñecido como ADSL rural, unha conexión que ten unha velocidade de medio mega.
A precariedade na conexión á rede afecta, sobre todo, aos residentes no medio rural. Un programa posto en marcha polo ministerio está permitindo que moitos deles teñan conexión á rede a través deste tipo de ADSL, pero en condicións moi afastadas dos vinte megas que prometen sen cesar as distintas operadoras de teléfonos.
A situación cambia notablemente nos distintos centros urbanos da comarca. En calquera deles, desde Cambados e O Grove, ata Ribadumia e Meis a conexión a Internet roza os tres megas. Trátase dunha velocidade suficiente para as tarefas que na rede desempeña calquera familia media.
Banda ancha en Vilagarcía
Pero sen dúbida é a capital arousá a que ofrece mellor servizo aos seus veciños, aínda que tamén neste caso depende do seu lugar exacto de residencia. Así, por exemplo, na zona de Rubiáns só pode utilizarse o ADSL rural, mentres que ás parroquias chegan os tres megas. Máis sorte teñen os do centro urbano, que poden acceder aos dez megas.
Por se isto fose pouco, a maioría de Vilagarcía dispón de servizo de R, que ofrece aos seus usuarios un máximo de seis megas, que poden chegar ata os dez naqueles casos que así o soliciten. Pena que no resto da comarca, esta compañía non estea instalada. As súas previsións pasan por comezar a traballar, en breve, no Grove. En Cambados están pendentes da licenza de obra. Para o resto da comarca aínda non teñen previsións.
(Fuente: M. Afonso, La Voz)
0 comentarios (¡PULSA AQUÍ!):
Publicar un comentario