Aínda que polas altas temperaturas aínda non o pareza, a volta ao cole chegou. Esta mañá máis de 2.500 alumnos de Educación Infantil e Primaria volverán ás súas clases en Vilagarcía. Este ano o inicio de curso ofrecerá algunhas novidades, pero sen dúbida a máis importante será a posta en marcha do comedor escolar en Vilaxoán, Carril e Rubiáns.
Nestes tres centros, do mesmo xeito que na Lomba, que xa contaba con comedor en anos anteriores, o servizo entrará en marcha hoxe mesmo. O da Lomba continuará funcionando como o facía habitualmente, mentres que os tres novos organizaranse a través dun servizo de cátering.
A idea de abrir comedores escolares nestes tres colexios parece gustar aos pais. Polo menos iso é o que indica o número de usuarios que terán. En Vilaxoán utilizarán este servizo 124 alumnos dos 156 cos que conta o centro; en Carril serán 180 usuarios dun total de 260 alumnos, e en Rubiáns comerán no cole 100 dos 109 estudantes cos que conta este colexio.
No caso de Vilaxoán, a implantación do comedor coincide tamén coa estrea da xornada única, que se aplica por primeira vez no centro. Deste xeito, o novo horario será de nove e media a dúas e media da tarde. A partir dese momento comezarase a servir a comida aos nenos que xanten no colexio, que sairán ás tres e media da tarde.
No caso de Rubiáns o horario tamén é exclusivamente de mañá, e aínda que as clases finalizan ás 14.50 horas, para os pequenos que utilicen o comedor o transporte sairá ás 15.35 horas. O mesmo ocorre en Carril, onde se o horario de saída fixouse ás 14.15, en caso dos nenos que usen o comedor, sairán ás 15.15 horas. Unha vez que Vilaxoán incorporouse á xornada única, todos os colexios públicos de Vilagarcía xa contan co horario intensivo e, polo tanto, só teñen clase pola mañá.
Programa Madruga
En calquera caso, para as familias que o necesiten, moitos colexios porán en marcha, a partir do mes de outubro, o programa Madruga, de tal xeito que os pequenos poidan entrar no cole a unha hora máis temperá da habitual cando os seus pais teñan que traballar. Este plan xa se puxo en marcha o ano pasado en varios colexios da cidade e este ano implantarase en todos aqueles que o soliciten. Esta iniciativa está impulsada polo Concello e para a súa posta en marcha é necesario que o solicite a asociación de pais de cada centro.
Polo demais, o inicio de curso preséntase sen maiores contratempos nos centros vilagarciáns. Salvo a falta dalgún profesor que a última hora da mañá de onte aínda non fora nomeado para cubrir vacantes nalgún centro, os colexios agardaban preparados a chegada dos alumnos.
Éstos, por certo, chegarán en maior número que o ano anterior, posto que en case a totalidade das escolas aumentou a matrícula. Aínda que nalgunhas o aumento é lixeiro, posto que xa non teñen apenas prazas dispoñibles, noutros se notou bastante o crecemento da matrícula. é o caso do Piñeiriño, que pasou duns 300 alumnos a 325, unha circunstancia posiblemente relacionada coas novas construcións da zona.
Tamén A Lomba contará con 50 alumnos máis que o ano pasado. Neste caso a principal novidade é que entrará en funcionamento un aula máis para nenos de tres anos, unha medida que a Consellería de Educación decidiu a principios de verán para paliar a falta de prazas nos colexios de Vilagarcía para nenos desta idade.
Só no colexio de Rubiáns baixou lixeiramente a matrícula. Neste caso atribúeno a que as aulas de sexto curso que finalizaron os seus estudos eran moi numerosas, algo máis que as que se incorporan.
A partir desta mañá, as mochilas volverán ser a estampa habitual á primeira hora da mañá. Todos os alumnos de Infantil e Primaria comezan hoxe as súas clases, aínda que nalgún caso farano de forma gradual. Por exemplo, no colexio Arealonga, no que hoxe comezarán os alumnos de entre segundo e sexto curso, mentres que para os demais cursos haberá unha reunión de pais no centro. As familias dos alumnos de primeiro curso de Primaria están convocadas ás nove e media da mañá, e as dos escolares de Educación Infantil, unha hora máis tarde, ás dez e media.
Fuente: M.S., La Voz
Foto: M.Miser
0 comentarios (¡PULSA AQUÍ!):
Publicar un comentario