sábado, maio 26, 2007

Só Vigo supera ás dúas localidades arousás en canto a concentración de habitantes
A media do Salnés triplica a de Galicia, con 378 persoas por quilómetro cadrado

?igo, Vilagarcía e A Illa son, por esta orde, as localidades con maior concentración de poboación na provincia de Pontevedra. Na cidade olívica viven 2.693 veciños por cada quilómetro cadrado, unha cifra da que se atopa lonxe, aínda que se sitúe en segundo lugar, Vilagarcía, cuxa densidade de poboación é de 812 persoas por cada quilómetro. Séguelle A Illa, cuxos preto de cinco mil veciños distribúense a razón de 706 en cada quilómetro cadrado de territorio.

Esas cifras son sensiblemente superiores ás do resto da provincia, e ata ás do seu capital. Efectivamente, a densidade de poboación de Pontevedra, segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estatística, é de 671 habitantes por quilómetro cadrado.

No que respecta ao panorama comarcal, a primeira característica é a ampla diferenza entre uns municipios e outros. Con todo, a suma desas diverxencias dá unha media moi superior á do resto de Galicia, ata o punto de que ata chega a triplicala. Así, mentres no conxunto da comunidade galega viven 108,36 persoas por cada quilómetro cadrado, na comarca arousá a cifra é de 378,8.

Tamén é moi superior a concentración de habitantes do Salnés á do global da provincia pontevedresa, que alcanza os 208 habitantes por quilómetro cadrado. Evidentemente, o repaso pola densidade de poboación de cada un dos municipios deixa ben ás claras as diferenzas entre a franxa costeira e as localidades do interior, nas que a concentración de habitantes baixa sensiblemente. Por pór só dous exemplos, as densidades máis baixas da provincia sitúanse en Rodeiro, onde viven 21 veciños por cada quilómetro cadrado, e Agolada, con 23 persoas en cada unidade de superficie.

Municipio a municipio

Moi por encima desas cifras sitúanse, xa non Vilagarcía e A Illa, senón todos os municipios da comarca arousá. En Cambados, a densidade de poboación alcanza os 579 habitantes por quilómetro cadrado. No Grove chega aos 512, seguida de Pontecesures, con 463 veciños por cada un dos seus sete quilómetros.

No caso de Vilanova, a densidade de poboación roza os 312 habitantes, seguido por Ribadumia, con 219. Os concellos con menor concentración de poboación da comarca son Meaño, con 197, Valla, con 150, Catoira, con 118, e pecha a listaxe Meis, con 95 habitantes por quilómetro cadrado de territorio.

Estes datos non fan senón reproducir, aínda que a menor escala, o patrón xeral dunha maior concentración de habitantes nos núcleos de maior proximidade ao litoral. En efecto, nos municipios da comarca cun carácter máis rural, a densidade de poboación é menor que nos costeiros.

No caso de Vilagarcía, obsérvanse tamén grandes diferenzas de densidade de poboación entre unhas parroquias e outras. En Arealonga, onde se localiza o centro urbano da cidade, a densidade alcanza os 4.216 habitantes, unha cifra que supera ata a media de Vigo, que se situaba en 2.693 veciños.

Vilagarcía, en detalle

Ao centro da localidade séguelle Sobradelo, onde a concentración de poboación alcanza os 1.440 habitantes. No caso de Carril, en cada quilómetro cadrado de territorio concéntranse 713 veciños, e en Fontecarmoa, 702. Séguelles Sobrán, con 587 habitantes por quilómetro cadrado. Estes cinco son os lugares máis densamente poboados de Vilagarcía.

Xa moi por baixo sitúanse as demais parroquias do termo vilagarcián. En cada quilómetro da parroquia de Cornazo concéntranse 290 habitantes. En Rubiáns 231 por quilometro, en Bamio, 207 e en Solobeira, 192. Para rematar, a parroquia na que a súa poboación vive de forma máis dispersa é Cea, na que residen 116 persoas por cada quilómetro cadrado.

Fuente: Maria Santalla, La Voz De Galicia

0 comentarios (¡PULSA AQUÍ!):

Participa

INSCRIPCIÓN
*Ficha: engadir enderezo, teléfono, M² de exposición (ata 5m²) e número de asistentes ao xantar.