xoves, febreiro 01, 2007

As fotografías gravadas nun computador permitiron aos axentes da Policía Nacional de Vilagarcía seguir o periplo do artefacto desde que foi roubado nunha nave comercial de Rubiáns e dar cos presuntos autores do roubo.


Os axentes recibiron ao longo do mes de xaneiro un número considerable de denuncias por roubos con forza en naves comerciais e centros sociais de Rubiáns e Trabanca Badiña, ademais de en varias igrexas e no colexio público de Rubiáns. Os autores levaron diñeiro, ordenadores e outros efectos, ata comida.

Pola zona na que se produciron os feitos e polo modus operandi, os policías sospeitaron que poderían estar detrás os xa coñecidos xemelgos de Rubiáns, detidos noutras ocasións por feitos similares.

Un dos empresarios vítima dos roubos adquiriu a unha terceira persoa un computador de segunda man por 250 euros. O aparello resultou ser o mesmo que lle roubaron, e na súa memoria gardaba fotografías de varios mozos. Unha vez identificados os raparigos que eses días tiveron o computador no seu poder, foron interrogados, o que permitiu aos axentes dar cos autores materiais do roubo.

Os axentes detiveron e acusaron dos feitos a un dos xemelgos, J.A.G., de 22 anos, veciño de Cea, ademais da G.F.F., de 27 anos, veciño de Trabanca, así como a D.M.T.C., de 29 anos, de Vilagarcía, e G.B.B., de 20 anos, cuñado do anterior.

Material recuperado

As xestións levadas a cabo polos axentes tras as detencións permitiron recuperar parte do material roubado, como un computador e un escáner que se levaron do colexio de Rubiáns e un radio cedé subtraído dun turismo que estaba aparcado no interior do recinto dun concesionario onde, fai uns días, producíronse roubos no interior de varios vehículos.

Os detidos declararon onte nos xulgados de Vilagarcía e foron postos en liberdade con cargos. A policía aínda non pechou o caso, xa que non se descarta a participación de máis persoas nos roubos. Ademais, investígase se a mesma banda ten algo que ver cos roubos nas igrexas e noutros locais da zona.

Os xemelgos de Rubiáns xa foron detidos en varias ocasións por sucesos similares. A policía arrestounos en novembro e a Garda Civil, un mes despois. De cada detención acumulan un novo cargo, pero sempre quedan en liberdade, á espera de xuízo.

(La Voz De Galicia)

0 comentarios (¡PULSA AQUÍ!):

Participa

INSCRIPCIÓN
*Ficha: engadir enderezo, teléfono, M² de exposición (ata 5m²) e número de asistentes ao xantar.