martes, febreiro 22, 2005

Din que as voaduras para a construción dun túnel provocan movementos de terras


EU reclamará os danos a Fomento e pedirá a mediación do Concello de Vilagarcía

Algúns veciños do lugar de Barbeitos, en Rubiáns, empezaron a notar danos nas súas vivendas que sospeitan que non son casuais. Nalgunhas casas de recente construción empezaron a aparecer gretas, e a outros se lles caen os azulexos da cociña. Os afectados miran ás obras do AVE que padecen desde fai meses, dada a proximidade do túnel que se constrúe para o paso do tren de alta velocidade. Desde o verán, de día e de noite, sucédense as voaduras que fan tremer o chan e as casas. Cren que o que está pasando nas súas vivendas é unha concecuencia dos movementos de terra.

E non é único problema que soportan desde entón. As explosións na roca para abrir paso ao túnel non lles permiten durmir pola noite, e aínda que fai unhas semanas que, tras denuncialo publicamente, pararon os petardazos, nos últimos días volveron reproducirse á unha da mañá, ás tres e ás cinco da madrugada. Así o asegura Francisco García Ríos, un dos afectados que onte se entrevistou co portavoz de EU, Juan Fajardo. «Teño unha filla de seis anos que non quere durmir soa polo medo ás explosións», asegura. Na fachada da súa casa empezaron a aparecer unhas gretas sospeitosas, e aínda por riba, ao secarse os mananciais dos que se fornecía o lugar, ten que botar man da auga da traída. «No verán pagaba 21 euros polo recibo e agora pago 41», explicaba onte. «Pásalle a moitos veciños máis, 120 en total, entre Barbeitos, Sentín e Abelle, pero non se atreven a denunciar»

EU ten previsto pedir conta a Fomento por estes danos, e pedirá tamén a mediación do Concello de Vilagarcía para que se atendan as reclamacións dos veciños e depúrense responsabilidades.

(Fuente: Susana Luaña, La Voz De Galicia)
(Foto: Martina Miser)

0 comentarios (¡PULSA AQUÍ!):

Participa

INSCRIPCIÓN
*Ficha: engadir enderezo, teléfono, M² de exposición (ata 5m²) e número de asistentes ao xantar.