O edificio terá un local multiusos, unha biblioteca, dúas aulas e varios despachos
O Concello de Vilagarcía investirá 180.000 euros na segunda fase das obras do centro sociocultural de Rubiáns. Tras realizar os traballos de movemento de terras, saneamento e parte da albanelería, Ravella sacará a concurso última parte dos traballos, que se prevé que rematen no 2005. O orzamento total da construción ascende a 299.457 euros.
As instalacións de Rubiáns contarán cunha superficie útil de 540 metros e ordenaranse ao redor dun vestíbulo desde o que se accederá ás distintas dependencias. Por unha banda, haberá un salón de actos multiusos que poderá acoller tanto reunións comunitarias como bailes ou exposicións. Na parte esquerda do inmoble haberá unha zona de cafetería. O edificio tamén contará con dúas aulas, varios despachos e unha biblioteca.
A distribución do recinto está pensada de tal xeito que permita usar as partes do edificio de xeito independente. En canto á estrutura exterior, daráselle un maior protagonismo ao salón de actos, que terá unha maior altura e unha fachada diferenciada.
Trece inmobles
Coa creación deste novo edificio, o Concello dá un paso máis na creación da rede municipal de centros culturais. Actualmente, trece puntos do concello contan con instalacións destas características. Ademais, os inmobles de Vilaxoán e Sobradelo contan cun orzamento de 488.000 e 382.000 euros, respectivamente, e sairán a contratación o próximo ano.
(Fuente: María Hermida, La Voz De Galicia)
0 comentarios (¡PULSA AQUÍ!):
Publicar un comentario