luns, febreiro 11, 2002

Augas de Galicia ordenou a súa apertura tras denunciar unha particular que provocaba inundacións na súa casa


Os enfrontamentos entre unha veciña de Soutelo (Rubiáns) e o resto da parroquia polo uso das comportas do lavadoiro público neste lugar xa deron lugar a disputas o ano pasado. Onte viviuse un novo episodio. Operarios de Obras acudiron ao lugar para cumprir cun requirimento de Augas de Galicia que ordenaba manter abertas as comportas nos meses de choivas. Os veciños impedírono, porque temen que ao retirarse o mecanismo de apertura se inutilicen para sempre as comportas que fornecen de auga ao lavadoiro público. O Concello comunicará o ocorrido a Augas de Galicia.

Unha veciña do lugar de Soutelo solicitou fai tempo ao Concello que retirase as comportas do río ao entender que a acumulación de auga que dá servizo a un lavadoiro público provocaba inundacións no baixo da súa vivenda. As fortes choivas do inverno pasado acentuaron o conflito, xa que en varias ocasións o soto encheuse de auga polas crecidas do río. O asunto transcendeu cando os veciños fixeron pública a súa protesta pola actuación desta muller. Argumentaban que se a súa casa enchíase de auga era por un defecto de construción, non pola comportas, e esixían que se mantivesen pechadas para poder facer uso do lavadoiro.


A veciña prexudicada levou as súas queixas ata Augas de Galicia, e este organismo comunicou fai unhas semanas ao Concello que ditas comportas debían manterse abertas nos meses de fortes choivas, entre outubro e abril. Operarios do servizo de Obras e axentes da Policía Local desprazáronse na mañá de onte ao lugar para retirar o mecanismo de peche das comportas.

Unha veciña que estaba lavando nese momento deu a voz de alarma e deseguido se concentraron no lugar unha trintena de persoas que impediron que levase a cabo a orde. A pesar de que se lles informou de que era unha medida provisional, eles temen que unha vez retirado o mecanismo quede inutilizado para sempre, e non están dispostos a perder un servizo, o do lavadoiro, que levan utilizando desde fai máis de sesenta anos. Os particulares concentrados na zona queixábanse de que se prexudicase a todo o pobo en beneficio dunha soa persoa.

Mobilizacións

En vista do sucedido, o Concello porase en comunicación con Augas de Galicia para darlle a coñecer os últimos acontecementos, aínda que se o organismo público persiste en que se retiren as comportas cumprirase a orde.

Os veciños manterán a vixilancia nos próximos días, xa que non teñen previsto cejar no seu empeño de evitar a retirada das comportas.

(Fuente: Susana Luaña, La Voz De Galicia)

0 comentarios (¡PULSA AQUÍ!):

Participa

INSCRIPCIÓN
*Ficha: engadir enderezo, teléfono, M² de exposición (ata 5m²) e número de asistentes ao xantar.