O alcalde de Vilagarcía e os veciños de Rubiáns que se opoñen á retirada das comportas do río en Soutelo chegaron a unha solución salomónica: que o dispositivo quede medio aberto de tal xeito que se eviten as inundacións pero siga fornecendo auga ao lavadoiro. A idea expúxose na reunión mantida onte no Concello, pero por suposto, debe contar co visto e prace de Augas de Galicia, organismo ante o que unha veciña denunciou que ditas comportas provocaban inundacións na súa vivenda. En todo caso, Javier Gago coincide cos afectados na idoneidade de mantelas.
O inusitado interese que os problemas dos lavadoiros están creando no Concello provocou que as veciñas que denunciaron o peche do manancial que fornece de auga ao da Compostela acudiron tamén ao Concello para solidarizarse cos afectados de Soutelo.
O alcalde convocou unha reunión para discutir cos veciños o problema xurdido tras recibir unha comunicación de Augas de Galicia que ordenaba a retirada das comportas nos meses de inverno para evitar as inundacións nunha vivenda.
Javier Gago deu a coñecer o longo proceso emprendido por Encarnación Durán para esixir a retirada do mecanismo, que culminou nunha denuncia ante Augas de Galicia. O alcalde coincide cos afectados en que as comportas deben manterse, por iso ao longo da reunión chegouse a unha solución intermedia que pasa por manter as comportas medio abertas de tal xeito que eviten as inundacións pero sigan fornecendo de auga ao lavadoiro público. Segundo o Concello, «grazas a esa postura do goberno municipal, Augas de Galicia rebaixou as súas pretensións iniciais -a retirada definitiva das comportas- para esixir a apertura destas durante os meses de maiores choivas, entre outubro e abril, a fin de evitar as inundacións que sofre a casa de Encarnación Durán».
En todo caso, a solución salomónica acordada na reunión de onte deberá contar co visto e prace de Augas de Galicia, organismo ao que o alcalde fará chegar a oposición veciñal á retirada das comportas.
Por outra banda, operarios do Concello emprenderon fai quince días labores de limpeza nos lavadoiros municipais, con achega de area. Os traballos iniciáronse en Carril-Extramuros e estenderanse nos próximos días a Rubiáns, onde existen outros dous lavadoiros.
(Fuente: S.L.L., La Voz De Galicia)
(Foto: Martina Miser)
0 comentarios (¡PULSA AQUÍ!):
Publicar un comentario