Unha veciña de Rubiáns presentou o pasado 17 de xaneiro un escrito no Concello solicitando que se retirasen unhas comportas do río que pasa xunto á súa casa e que provocan o seu desbordamento en épocas de choiva ameazando con alagar a súa vivenda. Pero non é a primeira vez que o fai; Encarnación Durán leva oito anos reclamando esta actuación que ata a data non foi atendida. Así, cada vez que chove con forza ten que chamar a Protección Civil para que abran as comportas que frean a canle do río.
O luns, Encarna Durán, viuse obrigada a chamar de novo a Protección Civil ante o risco de inundacións na súa vivenda sita no lugar de Soutelo. A diferenza do que se publicou no parte de incidencias do temporal, as comportas que frean a canle do río non foron colocadas por obras na súa casa senón que se trata dunha instalación feita polo propio concello para desviar a auga a un lavadoiro próximo.
Estas comportas levan a ños dándolle problemas, xa que en época de choivas, a canle do río crece e ameaza con alagar a súa casa. Nunha ocasión atopouse con máis de medio metro de auga no interior do inmoble.
Desde 1993 está pedindo que se quiten as comportas. «Nin sequera son necesarias -indica- porque o lavadoiro apenas se usa, e en todo caso, só ten problemas de auga no verán, no inverno non fai falta que estean pechadas».
Pero a única solución que lle dan no Concello é que chame a Protección Civil. «E teño que estar todos os días pendente da canle do río e chamando aos voluntarios para que baixen as comportas. Viñeron non sei xa cantas veces, cando a ninguén lle fai dano que estean abertas».
(Fuente: La Voz De Galicia)
(Foto: V.Mejuto)
0 comentarios (¡PULSA AQUÍ!):
Publicar un comentario